Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es



28/6/15

ACTIVIDADE DE VOLUNTARIADO ECOLÓXICO (ADULTOS E NENOS) NAS PRAIAS DE BALUARTE E FONTAÍÑA



O vindeiro sábado 4/7/15, as 9h nas praias de Fontaíña e Baluarte (á dereita do Vao) realizaremos unha actividade de voluntariado ecolóxico na que poderán participar adultos e nenos (acompañados por un adulto) ata cubrir 10 prazas.
Realizaremos tarefas de conservación do medio natural deste espazo litoral de grande valor ecolóxico: limpeza de residuos, arranxo dos valados protectores das dunas, coidado de carteis sinalizadores e eliminación de especies vexetais bioinvasoras.
As  persoas interesadas en participar deben anotarse enviando un correo electrónico a fontainhavigo@yahoo.es indicando (nome e apelidos, teléfono, idade no caso dos nenos).
O punto de encontro será no lugar de Breadouro entre as praias do Vao e Baluarte (Coruxo-Vigo) as 9h. A actividade durará ata as 12h (en caso de ser un día soleado remataremos as 11h).


MÁIS INFORMACIÓN SOBRE A ACTIVIDADE:

A Asociación Fontaíña é unha entidade sen ánimo de lucro adicada ó voluntariado medioambiental, desenvolve, dende a súa fundación en 2003, actividades de conservación do medio natural na cidade de Vigo. Destaca o proxecto Parque Litoral de Vigo para conservar tres espazos litorais de enorme interese natural: As praias de Fontaíña e Baluarte, Cabo de Mar e a Xunqueira do Lagares.
 

As praias de Baluarte e Fontáiña atópanse na parroquia de Coruxo (Vigo), ambas as duas presentan un grande valor ecolóxico pola presenza de areais ben conservados con pequenos sistemas dunares que foron restaurados desde a década dos 90 do SXX, fondos mariños e zonas intermareais de grande valor natural. Ademais, a praia de Baluarte forma parte do Espazo Natural de Interese Local “Dunas do Vao”.

Propoñemos nas praias de Fontaíña e Baluarte unha actividade de voluntariado ecolóxico na que poderán participar adultos e nenos (os rapaces deben estar acompañados e supervisados por un adulto).

A actividade desenvolverase o sábado 4 de xullo de 2015, de 9 a 12h (en caso de que a afluencia de bañistas fose alta remataríase ás 11h).

Os obxectivos da actividade son:

  • Levar a cabo unha acción de voluntariado ecolóxico.
  • Implicar á cidadanía na conservación da natureza.
  • Desenvolver tarefas sinxelas de conservación do medio natural.
  • Divulgar os espazos naturais da cidade de Vigo.
  • Fomentar o traballo en equipo.
Para a realización da actividade necesitaremos un grupo de 6 voluntarios adultos e 4 menores de idade que estarán acompañados en todo momento por monitores da asociación (un biólogo e unha monitora de educación ambiental).

A Asociación Fontaíña encargarase de aportar a ferramenta (recolledores de cabichas, rastrillos, alicates, martelo, maza) e material funxible para a actividade (luvas, bolsas de lixo, aramio para valados, tensores, grapas, limpador de graffitis, mascariñas, barniz antigraffiti, panos, esponxa, cepillo).

A asociación dispón para todas as súas actividades dun seguro de responsabilidade civil e accidentes que cubre a todos os voluntarios participantes e os monitores.

As tarefas a desenvolver son:

  • Presentación do grupo de voluntarios e monitores.
  • Introducción: presentación da Asociación Fontaíña e o seu proxecto de conservación nas praias de Baluarte e Fontaíña.
  • Identificación de flora, fauna e patrimonio cultural. Valor ecolóxico deste espazo natural.
  • Reparto de material de traballo e organización do equipo en subgrupos.
  • Explicación das diferentes tarefas, comportamento no medio natural medidas de seguridade. Comezo dos traballos
  • Limpeza de residuos nas dunas: recollida de plásticos, latas e outros residuos. Somentes dous voluntarios accederán o interior das zonas de duna protexida e terán especial coidado en evitar o pisoteo da vexetación.
  • Revisión valados de protección dunar e reparación de pequenos desperfectos. Tamán hai a posibilidade de retirar un vello valado dunha zona que ten un novo (recomendación do Concello de Vigo).
  • Mantemento das sinalizacións do espazo natural (borrado de pintadas e aplicación de barniz protector). Eliminación de dúas especies vexetais bioinvasoras, 
Conyza canadensis
Margarida sudafricana
margarida sudafricana (Arctotheca calendula) e coniza (Conyza canadensis)nun sector de dunas situado dos chalets de Breadouro: eliminación manual de exemplares, almacenaxe en bolsas e transporte fora da zona. Esta tarefa resulta moi importante facela agora antes de que as plantas rematen a floración e espallen nas dunas unha nova xeración de sementes. Esta tarefa será levada a cabo por dous voluntarios que evitarán, en todo momento, o pisoteo da vexetación dunar.
  • Recollida de cabichas e lixo de pequeno tamaño nos dous areais.
  • Recollida dos grupos e almacenaxe da ferramenta
  • Limpeza e hixiene de mans dos participantes.
  • Reparto do avituallamento entre os voluntarios.
  • Valoración do traballo en grupo.

Ó remate da actividade se repartirá o avituallamento (bocadillo, froita e un botellín de auga). De facer calor está previsto entregar unha botella de auga ó comezo da actividade.

A asociación facilitará ós voluntarios toda a ferramenta de traballo, luvas, chalecos identificativos e material funxible.

Os voluntarios deben traer roupa de traballo axeitada (para traballar con comodidade e que se poida manchar) e unha gorra. Ó remate se o desexan poderán quedar na praia e bañarse.

É especialmente importante que os participantes teñan un comportamento axeitado. Para elo deben cumprir as seguintes normas:

  • Prestar atención as explicacións iniciais dos monitores.
  • Seguir en todo momento as instruccións dos monitores para levar a cabo o traballo.
  • Evitar pisotear a vexetación de dunas e costa rochosa.
  • Permanecer co seu grupo de traballo sen separarse del.
  • Non tirar lixo, facer ruido, molestar ás aves ou arrincar vexetación (salvo no caso do grupo que eliminará, unicamente, as especies bioinvasoras).
  • Estar identificados cos chalecos da asociación Fontaíña.
  • Utilizar as luvas (guantes) en todas as tarefas.
  • Ter precaución ó camiñar polas rochas de Punta Helena.
  • En caso de que faga moita calor beber auga con regularidade e poñer gorra.
  • En caso de dúbida sobre algunha cuestión, esperar a que o monitor se achegue (non ir buscalo) para resolvela.
  • Se algún cidadán lles pregunta sobre a tarefa que están facendo poden informalo de que se trata dunha actividade de voluntariado ecolóxico e para calquera aclaración a maiores o remiten ó monitor.
Enviouse previamente, ó Concello de Vigo (Medio Ambiente) e Servicio de Costas de Pontevedra (MAGRAMA) un informe coas actuacións a realizar. Ditas actuacións poderían ser supervisadas, in situ, por un técnico do Concello de Vigo. Ó remate da actividade envíase unha memoria con fotos e planos do realizado á Concellería de Medio Ambiente do Concello de Vigo e Servicio de Costas.

26/6/15

Nova visita de turismo sostible ás Cíes


A nosa asociación está a colaborar co Concello no desenvolvemento deste programa de visitas guiadas polas illas Cíes. O vindeiro sábado 27 de xuño realizaremos unha nova saísa dentro dos paseos denominados “Descubrindo a natureza” onde se explicarán os valores naturais deste arquipélago pertencente ao Parque Nacional  das Illas Atlánticas.

Entrevista cun investigador

O xoves 25/6 un membro da asociación Fontaíña, Diego Rodriguez, mantivo un encontro con Daniel Álvarez Rodrigo, enxeñeiro de minas, que está a facer un traballo sobre a restauración de dunas e que posteriomente se publicará. Durante a entrevista explicouselle in situ o proxecto de recuperación litoral levado a cabo pola asociación en Vigo. Grazas polo teu interese, Daniel¡

Resumo da actividade de voluntariado na Xunqueira do Lagares



 
O pasado 6 de xuño de 2015, contamos coa colaboración dun grupo de voluntario (16 adultos e 5 rapaces), todos eles vinculados á empresa ABANCA e convocados mediante a colaboración e patrocinio da ONG Cooperación Internacional-Vigo). Participaron nun obradoiro de voluntariado ecolóxico na Xunqueira do Lagares


Os voluntarios limparon de residuos a marisma e o río, eliminaron unha especie vexetal invasora chamada herba das pampas (Cortaderia selloana), coidaron as arboriñas plantadas en anos anteriores e borraron un grafiti dun cartel sinalizador deste valioso espazo natural vigués.
 

Moitas grazas a todos os participantes e a Cooperación Internacional-Vigo.




4/6/15

Póster para a Exposición Voz Natura

O vindeiro sábado 6 de xuño, a Fundación Santiago Rey Fdez.-Latorre celebrará, un curso máis, a festa de despedida do programa Voz Natura. Nesta festa todos os centros escolares e asociacións participantes expoñen unha mostra do feito a prol da natureza. A Asociación Fontaíña exporá un póster cun resumo das actividades realizadas grazas ó patrocinio de 600€ concedido por Voz Natura.  Moitas grazas polo voso apoio e noraboa¡